Tamén critica que as persoas ás que se lles administran as doses sexan citadas en centros de saúde, dadas as dificultades de mobilidade que presentan moitas delas.
A Asociación de Centros de Día de Galicia lamentou que non se incluíu nesta fase da vacinación a usuarios destes servizos de entre 55 e 80 anos e criticou que as persoas ás que se lles administran as doses sexan citadas en centros de saúde dadas as dificultades de mobilidade que presentan moitas delas.
A entidade explicou que a Consellería de Sanidade lle trasladou que non se vacinará os usuarios de centros de día nesta fase, fóra das persoas maiores de 80 anos e as que poidan acreditar un grao III de dependencia.
A asociación advertiu de que esta situación levará “atrasar a vacinación” e “deixar fóra” da mesma un 20% dos usuarios de centros de día. Así, explicou que o perfil destes é de persoas gran dependencia á espera de que o seu grao sexa recoñecido debido a atrasos na resolución de expedientes por parte da Administración.
Por iso, tachou de “inxusta” a medida, que “non recolle os principios de equidade aos que fai mención o documento sobre a Estratexia de Vacinación Nacional”, que contempla “a vulnerabilidade, as desigualdades e os riscos dos grupos de prioridade”.
A asociación recalcou que as persoas que acoden a un centro de día presentan unha gran necesidade de apoio e de dependencia, así como múltiples patoloxías e unha deterioración cognitiva ou funcional.
Tamén sinalou que o feito de que non se administren as doses aos usuarios nesta fase do proceso “suporá a convivencia durante xornadas de oito, 10 e 12 horas de persoas vacinadas con persoas sen vacinar” e fixo fincapé na “angustia” e a “incerteza” que afrontan os profesionais dos centros de día ante a posibilidade de que se detecte un caso positivo nos mesmos.
Así mesmo, a asociación cuestionou a organización do proceso de vacinación ante a “dificultade para acudir ás citas” dos profesionais, aos que se convoca “cun intervalo de 15 ou 20 minutos”, así como o feito de que se realice o chamamento de todo o persoal dun mesmo centro na mesma mañá ou tarde.
Ademais, reprobou que se comezou a vacinar a grupos sen finalizar a administración das doses aos prioritarios e remarcou a importancia de que a Consellería de Sanidade controle as listaxes de persoas usuarias de residencias e centros de día ás que se aplique a vacina para “evitar tratos de favor”.
@galiciaconfidencial.com