Desde o pasado 14 de marzo e ata o 15 de xullo, os centros de día permaneceron pechados pola pandemia. Galicia foi a última comunidade en abrir estes espazos que atenden máis de 14.000 persoas logo de catro meses clausurados nos que, como advertían expertos e profesionais, a “deterioración” das condicións das persoas usuarias e o “drama” dos coidadores incrementouse e derivou en situacións “agora irreversibles”.
A polémica e as críticas foron constantes no sector desde que o 29 de maio, e por sorpresa, Feijóo anunciaba que se manterían pechados ata setembro, malia que a Consellería de Política Social levaba semanas preparando a reapertura inminente en xuño, que o Goberno central permitía reactivalos desde maio e que moitos dos centros preparáranse xa para volver á actividade. Entre protocolos de reactivación eliminados e reaparecidos e anuncios cambiantes de datas, a Xunta confirmaba a reapertura en plena campaña electoral para tres días despois dos comicios.
Agora, a piques de se cumprir un ano daquel peche, chega a factura dunha pandemia e dun alongado peche. “Excesivo, un erro gravísimo”, en palabras de responsables de centros de día que alertan de “estragos que xa non se poden recuperar” en moitas persoas usuarias e nos seus familiares “por non ter recoñecidos estes espazos como un servizo esencial”.
A necesidade de unión do sector e os problemas coa Administración levaron ao impulso da Plataforma de Centros de Día de Galicia (PCDG), que acabou por converterse na Asociación de Centros de Día de Galicia (ACDGal) –que representa o 70% dos máis de 120 espazos privados que supoñen máis dun milleiro de empregos–, que vén de poñer relato e cifras ao impacto da pandemia e das restricións sufridas nun detallado informe.
“Logo de catro meses de peche, a situación de moitas persoas usuarias empeorou, ata o punto de non poder reincorporarse á súa praza no centro”, advirte ACDGal. Concretamente, o 46,5% causaron baixa tras o peche, segundo unha consulta realizada entre as e os directores destes espazos privados, maioritarios en Galicia.
Desa case metade de persoas usuarias que non puideron volver ao seu centro de día tras os catro meses de peche, o 33,7% non o fixeron por “unha grave deterioración cognitiva” e un 38,8% “por medo ao contaxio da COVID”. O 21,5% faleceu durante ese período. O 6% alegou outros motivos.
“As consecuencias foron durísimas polo que supuxeron para as persoas con deterioración cognitivo, xa que as capacidades, perdidas, durante o peche, por falta de terapias e rutinas saudables, foron irreversibles”, confirma Ángeles Álvarez, presidenta da ACDGal e directora do centro Parque Castrelos de Vigo.
“Perdín moitos usuarios durante a pandemia e aínda temos menos que antes malia irnos recuperando, nalgúns casos porque faleceron e noutros porque segue a haber medo”, conta Nilda Balbís, directora do centro de día San Carlos na Coruña, que coincide na diagnose con Chelo Ferreiro, responsable do centro Raiola, en Verín. “No mes pasado perdín cinco usuarios, tres deles porque din que non queren arriscar e prefiren agardar, malia que aquí non houbo nin un contaxio”, asegura.
Segundo datos da ACDGal, tan só o 0,37% dos centros sufriu algún contaxio de coronavirus. Malia todo, a ocupación nestes espazos baixou, desde o 86% de antes do peche decretado no pasado mes de marzo ata o pouco máis do 61% a mediados de xaneiro.
A situación, transcorridos seis meses desde a volta dos centros de día, “é mellorable” segundo ACDGal. “Hainos con moi baixa ocupación e moitos que non poden atender a demanda de novas altas polas limitacións de capacidade e metros de distanciamento esixido por Sanidade”, relata a entidade.
“Temos moitísimo máis traballo e cousas que atender, pero menos recursos e espazo”, corrobora Ferreiro desde Verín. “Todo muda moito porque hai que aplicar protocolos e traballar máis e de maneira moi diferente, algo que afecta moito en persoas máis dependentes, ás que precisas manexar, tocar…”, conta Balbís, que advirte tamén da “necesidade de contacto e cariño” de moita xente maior da que “ben se nota que lle segue faltando algo”.
“Os centros tiveron que manter e mesmo reforzar os cadros de persoal xa que o novo xeito de traballo, con tanta distancia entre grupos e tantas medidas de prevención, fai que todo sexa máis complexo”, asume ACDGal, que destaca a “pronta adaptación” e “respecto” das medidas por parte das persoas usuarias e unha “recuperación tímida” da confianza nos centros de día.
Así, Ángeles Álvarez destaca que coa reactivación os centros tiveron que “levar a cabo unha morea de adaptacións nos espazos e nos xeitos de traballar” e logo “enfrontarse ao medo dos usuarios e á angustia de traballar con persoas que van á súa casa todos os días”, co risco que is conleva.
O peor con diferenza, coinciden todas, é a deterioración cognitiva e física sufrida por moitas persoas usuarias e polas súas familias coidadoras logo de tantos meses sen as terapias nin a actividade requirida. “Nin imaxinas canto se nota o desgaste!”, conta Ferreiro. “De mandalos activos e volverche en cadeira de rodas, de estar ben cognitivamente a regresar con graves problemas, de estar ben a volver con úlceras por estar moitas horas sen moverse… Foi tremendo”, insiste.
En resumo, as inevitables consecuencias do confinamento máis duro en marzo e abril ás engadidas pola inactividade dos centros de día para milleiros de persoas. Dos datos de ACDGal, tirados a través dunha enquisa a case 500 persoas entre usuarias e familiares, despréndese que o 100% das consultadas aseguraron ter sufrido algún tipo de “trastorno ou alteración pola falta de actividade, terapias e rutinas habituais”.
Ademais, o 34% alertou da apatía das usuarias, o 26% de axitación durante o día, o 24% de alteracións do sono e o 16% de agresividade. Entre as persoas coidadoras, o 84% afirmaron ter sufrido síntomas do denominado síndrome Bournout, un tipo de estrés ou estado de esgotamento físico, emocional ou mental.
Porque, como lembra a asociación, “non só a COVID foi causa de falecementos entre a as persoas maiores”. “A falta de terapias, coidados, a soidade, o illamento, etc. están agravaron saúde de moitas persoas, o que pon de manifesto a importancia do servizo ofrecido nos centros de día”, explica.
Para ACDGal, e malia que asegura que o sector acabou “satisfeito” cos acordos alcanzados coa Administración, botouse en falta “que se tivesen máis en conta as achegas dos propios centros de día” á hora de tomar decisións por parte da Xunta. “A pandemia evidenciou a esencialidade dos centros de día e o seu peche puxo de manifesto o labor social e terapéutico que fan”, explican desde a entidade, que lembra que “moitas persoas viron gravemente afectada a súa saúde, algunha de xeito irreversible, ata o punto de non poder volver”.
A isto engadiuse o problema económico que o confinamento e a clausura posterior supuxo para moitos centros. “Aguantas mal e vas tirando porque hai que seguir cumprindo coas medidas e pagar impostos e demais”, di Ferreiro, que agarda aínda por unha parte das axudas da Xunta e que destaca que “non houbo un apoio importante desde outras administracións”. “Fálase moito da hostalaría porque son moitos negocios e traballadores pero hai outros sectores que estamos sufrindo tamén moito”, explica.
Desde A Coruña, Nilda Balbís relata tamén unha situación “complicada” malia ir “acumulando axudas que dificilmente cobren todos os gastos extras e as perdas”. Desde Vigo, Ángeles Álvarez resume o sentir: “As axudas paliaron só en parte a situación porque hai que ter en conta que a reactivación dos servizos supuxo adaptacións e investimentos importantes para poder cumprir coas medidas tan esixentes de prevención e control marcadas por Sanidade”.
A ACDGal calcula que as axudas impulsadas pola Xunta para cubrir os gastos fixos, aprobadas en xuño, supuxeron unha media duns 3.400 euros por centro de día e mes pechado, “unha inxección de osíxeno que permitiu a continuidade da actividade de moitos centros”.
Pero a entidade non esquece e advirte de que a decisión de manter sen actividade os centros de día tantos meses, “ademais de supoñer un custo humano moi elevado, tamén supuxo un custo económico excesivo para a Xunta e os concellos: 8 millóns de euros en Servizo de Axuda a Domicilio extraordinario, 11 millóns de euros en Bonos Coidado Familia e axudas directas para os custos fixos dos centros de día. “As administracións teríanse aforrado moitos cartos se os centros de día non tivesen pechado”, insisten.
“Foi un erro gravísimo e na Xunta nunca recoñecerán ata que punto se equivocaron por non rodearse de xente que soubese do sector para tomar decisións”, explica a directora dun centro que considera “tremendo” que aquela decisión “causase estragos e deterioracións entre moitas persoas que xa non teñen remedio”.
“O peche provocou que moitas das persoas usuarias perderan tanto a nivel cognitivo e funcional, que moitos xa non puidesen reincorporarse en xullo, cando se rectivaron os servizos”, advirte Ángeles Álvarez.
“Un servizo esencial”
“Non tivo sentido atrasar tanto a apertura porque é evidente que somos espazos máis seguros que outros e que cumprimos estritamente coas normas”, engade outra diretora que espera que desde as administracións “se decaten de vez e consideren os centros de día un servizo esencial”.
Así, desde a ACDGal consideran que a pandemia deixou aínda máis clara “a necesidade e relevancia dos servizos prestados nos centros de día” por “permitir que as persoas maiores poidan seguir vivindo no seu
fogar, facilitar a conciliación familiar e laboral e promover a súa autonomía través de terapias orientadas a manter durante o maior tempo posible, funcións psicofuncionais e relacións sociais”.
Por todo, insisten en que a Xunta considere estes centros “un servizo esencial” por ser “necesario para o mantemento das funcións sociais básicas, a saúde e o benestar das persoas maiores”. E lanzan unha petición final de “coordinación sociosanitaria” e entre o Sergas e o sistema de Servizos Sociais tras “evidenciarse” as eivas neste ámbito.
@praza.gal